Ata cando?

Febrero 8, 2010 on 10:00 pm | In Celta | No Comments

Decididamente o do Celta co estamento arbitral é digno dun estudo. Se hai uns meses publicabamos neste blog un resumo dos “erros” arbitrais na temporada 2008-2009, que só na segunda volta lle custaran ao Celta máis de 20 puntos, hoxe imos facer un breve resumo do que está a ser a liga 2009-2010 na que levamos camiño de bater todos os récords.

En primeiro lugar hai que admitir que o noso equipo está a cometer moitos erros, como a súa inocencia en ataque ou determinados erros, que o teñen levado a perder puntos para os que fixera méritos abondo de acordo co seu xogo. Iso non o discute ninguén. O problema é que as casualidades chega un momento no que deixan de ser defendibles e xa é lícito pensar en mala fe, xa que doutra maneira non se pode concebir o seguinte balanzo en 23 xornadas ligueiras:

  • Salamanca-Celta: gol mal anulado a Saúlo (pasariamos do 1-1 ao 1-2).

  • Celta-Levante: penalty a Aarón non sinalado (o 1-1 sería un 2-1).

  • Córdoba-Celta: o gol de Agus é unha clara falta (do 1-0 ao 0-0).

  • Celta-Albacete: penalty de Notario a Aarón (do 1-1 ao 2-1).

  • Cartagena-Celta: penalty inexistente de Hugo Mallo e gol anulado a Iago Aspas máis que dubidoso (do 1-1 ao 0-1 ou 0-2).

  • Cádiz-Celta: penalty a Iago Aspas e gol ilegal do Cádiz (do 3-1 ao 2-2).

  • Numancia-Celta: penalty a Joselu (do 0-0 ao 0-1).

  • Celta-Salamanca: penalty a Roberto (do 0-0 ao 1-0).

Ademáis hai dúas xogadas que tamén se poderían meter no saco pero sobre as que hai algunhas dúbidas:

  • Celta-R.Vallecano: gol anulado a Joselu.

  • Betis-Celta: gol anulado a Arthuro.

E todo isto deixando á marxe xogadas como expulsións perdoadas ou outros feitos que non influíron nos resultados.

Así pois, se botamos contas vemos que o Celta tería que levar a estas alturas 14 puntos máis, co que sumariamos 40 e estariamos no 3º posto, en lugares de ascenso. Pero mesmo se rebaixamos estes puntos supoñendo que non se marcarían todos os penaltys ou que non dariamos aguantado as ventaxas: con 9 puntos máis nos situariamos no sétimo posto (ou máis arriba xa que se cadra Levante ou Numancia baixarían algún lugar) a 5 do Cartagena, que seguramente temén debería levar menos puntos dos que leva actualmente.

Repito que non quero que isto soe a escusa de quen non fai ben o seu traballo, pero considero intolerable que algúns sempre teñamos que pagar polos erros propios e mais polos alleos. Os números claman ao ceo e o pior de todo é que a prensa segue case muda, o Consello de Administración non denuncia os reiterados atropelos e nin siquera a afección protesta mentres nos rouban nos nosos mesmos fuciños. E isto o que queremos? Ata cando imos seguir tolerando estes abusos?

Celta, 0-Salamanca, 0.

Febrero 8, 2010 on 10:41 am | In Celta | No Comments

Pasan os partidos e o guión xa coñecido repítese ata a fartura. O Celta dominou de principio a fin a un inoperante e conservador Salamanca pero non plasmou a súa superioridade en goles, co cal se tivo que conformar cun empate. Polo menos teremos que contentarnos con que esta vez non encaixamos ningún gol; a liña defensiva contivo ben os escasos intentos atacantes dos visitantes e Falcón estivo moi atinado na única oportunidade clara de gol que tiveron.

A sorpresa da tarde foi a ausencia de Trashorras, ao que Eusebio deixou mesmo fóra da convocatoria. Como o resultado non foi o agardado, as críticas á decisión do adestrador volveron aparecer pero é de supór que el mellor que nós coñecerá cal é a situación e o rendemento de cada xogador durante a semana e custa entender que prescinda sen motivos do xogador que supostamente ten máis calidade dentro da plantilla. Túñez, que volveu á titularidade, foi un dos mellores xogadores do Celta, entendéndose moi ben con Noguerol e completando unha notable actuación. Destacaron tamén López Garai e Roberto Lago, así como o debú do grego Papadopoulos, en cuxos goles ten depositada a súa confianza o celtismo.

O que segue absolutamente gafado é Joselu. A pesar de que fixo un partido máis que aceptable, con bos movementos que lle crearon moitos problemas á defensa do Salamanca, volveu estrelar no pau un remate, o cuarto nas últimas semanas. E outra historia que se volveu repetir foi a polémica arbitral. Onte visitou Balaídos Miranda Torres, un árbitro ao que coñecemos de sobra despois daquel atraco a man armada hai dous anos en Cádiz. Desta vez a xogada máis conflictiva foi un derrubo a Roberto Lago dentro da área que parece un penalti moi claro, se ben tamén se lle critica non ter expulsado ao lateral esquerdo do Salamanca por cometer falta sobre Dani Abalo cando o arousán marchaba só cara á portería. Un novo atropelo a engadir na xa longa lista pero como sempre, ninguén levanta a voz e nin siquera os afeccionados protestaron demasiado estas accións. Que queremos logo?

Numancia, 0-Celta, 0.

Febrero 2, 2010 on 12:07 pm | In Celta | No Comments

Nun partido bastante aburrido, o Celta raboñou un punto do campo do Numancia e mantén as diferenzas cos seus máximos rivais pola permanencia. O xogo dos celestes foi de máis a menos e así, o primeiro tempo contou cun dominio visitante que foi bastante estéril, xa que as boas combinacións dos vigueses morrían sen cegar a rematar a gol. Nos últimos minutos incrementouse o acoso á porta dun dubitativo Eduardo e nunha boa xogada o árbitro non quixo sinalar un claro penalty sobre Joselu que suporía amén a expulsión de Palacios.

Na reanudación o Numancia apostou polo xogo máis directo para tentar de crear perigo e abofé que o conseguiu, pero Falcón evitou que se adiantasen no marcador cunhas cantas boas intervencións que o redimen dos graves erros que cometera nas dúas xornadas anteriores. Con todo, o Celta plantoulle cara a un dos equipos punteiros da segunda división e o empate non é de todo inxusto, xa que houbo un tempo para cada equipo.

A estas alturas xa non é noticia que un árbitro teña unha influencia clara no resultado dun partido do Celta. Agora tocoulle –unha vez máis- a Ceballos Silva, un vello coñecido cuxo catálogo de agravios aos nosos ten o mellor expoñente no Real Sociedad-Celta do ano pasado, un auténtico atraco. É inconcebible que nin el nin o seu linier visen o penalty de libro de Palacios a Joselu, pero como chove sobre mollado, eis unha nova razón para sospeitar que algo acontece no fútbol estatal.

Nas pouco poboadas bancadas de Los Pajaritos houbo unha representación de Esmorga Zeleste animando ao Celta xunto con outra decena de celtistas. Aínda que non houbo goles e o partido non foi brilante, a viaxe a Soria volveu pagar a pena.

Copa: Celta, 0-At.Madrid, 1.

Enero 29, 2010 on 1:36 pm | In Celta | No Comments

Como acontecera unha semana antes no Vicente Calderón, o Celta superou en xogo ao At.Madrid pero o marcador non o reflectiu e quedou a un paso das semifinais a pesar de ter feito moitos máis méritos que o rival. Lonxe de especular co resultado favorable da ida, os de Eusebio saíron desde o primeiro minuto ao ataque, metendo na área aos madrileños, que nembargantes se adiantaron no marcador na primeira vez que pasaron do medio do campo. Aínda que logo chegou un bo feixe de ocasións na portería de De Gea, non nos sorriu a fortuna e quedamos unha vez máis co mel nos beizos, satisfeitos –iso si- pola gran traxectoria do Celta nesta Copa, eliminando a dobre partido a dous equipos de Primeira División e bailando a outro.

O mellor da noite, ademáis da gran imaxe que volveron a dar os nosos rapaces, foi a excepcional entrada registrada en Balaídos, onde se esgotaron as localidades postas á venda, quedando apenas os ocos dos abonados que non asistiron e mais as entradas que non se poñen nunca á venda non se sabe moi ben por que. Ogallá os 20.000 non habituais que estiveron onte no campo non precisen de varios anos para volver, porque se onte o Celta necesitaba da afección, aínda máis a necesita na competición ligueira para saír dos postos baixos.

A imaxe do Atlético de Madrid volveu ser entre triste e penosa. Non se pode entender como un equipo que se proclama aspirante a discutir o reinado de Barcelona e Madrid precisa de sacar a todas as súas “figuras” para eliminar da Copa a un rival da zona baixa de Segunda que, por riba, xoga con moitos suplentes e rapaces do filial. Desde o primeiro minuto se adicaron a dar leña e despois a perder tempo, celebrando o remate do partido por todo o alto sen que lles caíse a cara ao chan da vergoña que estaban a dar.

E ao igual que no partido de ida, a actuación arbitral volveu ser fundamental no resultado. Mediado o segundo tempo Pérez Lasa anulou un gol de Trashorras nun lanzamento de falta que primeiro autorizou e logo se arrepentiu. Ademáis, o seu criterio coas amoestacións deixou moi claro a que veu a Vigo e difícilmente se pode ver unha arbitraxe máis descaradamente parcial aínda que os medios españois (manipuladores e noxentos como sempre) se empeñen en transformar os feitos e negar a evidencia.

Con todo isto, a Federación xa ten as semifinais que desexaba, limpas de bascos, cataláns ou galegos que poidan lixar a “gran festa do fútbol español”. Mellor para eles, así non terán necesidade de censurar retransmisións televisivas. O fútbol estatal segue a cheirar a merda.

SEMPRE CELTA!!! Federación manipulación!!! Boicote aos medios españois!!!

 /></p>

				<div class=

Huesca, 1-Celta, 1.

Enero 27, 2010 on 7:28 pm | In Celta | No Comments

Despois da gran exhibición do Vicente Calderón, o Celta volveu á normalidade ligueira no campo do Huesca, onde colleitou un empate que non sabe mal ao se tratar dun rival pola permanencia pero ofrecendo unha imaxe -polo que din- moi diferente á da Copa.

En liñas xerais parece que se tratou dun partido pouco vistoso e sen moitas xogadas fiadas. Aínda así, tras un lanzamento de falta de Jordi que se estrelou no pau, o Celta adiantouse no marcador pero non puido manter a ventaxa máis que uns poucos minutos, xa que un tremendo erro de Falcón (disque estivo horrible todo o partido) ocasionou o empate dos oscenses. Ata o final aínda houbo algunhas ocasións de gol polos dous bandos, entre as que destacou un remate de Joselu que se estrelou na madeira.

En principio semella que o empate non é un mal resultado, pero para iso se precisa ir conseguindo vitorias que nos permitan afastarnos dos lugares de descenso, que agora volven estar a un só punto. A próxima xornada visitamos Soria e, aínda que o rival sexa do mellorciño da categoría, non estaría mal non voltar de baleiro. Antes aínda disfrutaremos do partido da Copa, onde ogallá se consume a sorpresa.

O ensino contra a política lingüística de Feijoo

Enero 26, 2010 on 8:56 pm | In Política | No Comments

A grande maioría do alunado e profesorado de Galiza secundou a folga xeral do ensino convocada o pasado xoves como resposta ás bases do decreto chamado do plurilingüismo que está a ultimar a Xunta do PP e que constitúe unha nova agresión á nosa lingua. Ademáis, máis de 60.000 persoas encheron as rúas de Compostela (pese a ser un día laborable) nunha manifestación que xuntou a galegos de diversas ideoloxías e non só a activistas a prol do galego.

Ante este forte movemento social Feijoo, o seu Conselleiro de Educación e o (ir)responsable de Política Lingüística do goberno galego non poden seguir empoleirados na defensa a ultranza das teses españolistas que marca o PP de Madrid, ben representado na sucursal de Santiago. Se o fan seguirán a atopar a contestación de boa parte da sociedade galega á que, malia todo, aínda lle queda máis conciencia da que eles pensan.

Copa: At.Madrid, 1-Celta, 1.

Enero 26, 2010 on 5:40 pm | In Celta | No Comments

Gran exhibición a que realizou o Celta nun escenario que presume ser de Champions League pero que neste partido só coñeceu a un equipo, un modesto grupo de rapaces que loita pola permanencia na segunda división e que se non conseguiu un mellor resultado foi pola actuación do porteiro local e mais pola vergoñenta actuación arbitral.

Para ledicia dos esmorligans e demáis celtistas presentes nas bancadas (lamentable que ás viaxes organizadas pola Federación de Peñas do Celta se unan afeccionados do rival), durante todo o partido os celestes bailaron a un penoso At.Madrid. A mágoa foi que non se puidese manter durante máis tempo a ventaxa conseguida tras o tempraneiro gol de Trashorras e que non se materializasen as numerosas ocasións creadas. Aínda así, a imaxe ofrecida polos nosos foi sobresaínte e iso xa xustifica o gran papel que está a realizar o Celta nesta Copa, pase o que pase no partido de volta.

Capítulo á parte merece unha vez máis a actuación arbitral. Undiano Mallenco é un colexiado que goza dunha notable fama nos medios estatais e no Vicente Calderón demostrou que se está onde está é en boa parte polo ben que trata aos grandes. El cumpre moi ben co seu traballo a ollos de quen move os fíos, xera cartos e crea opinións. Os victimistas baratos da capital do estado poden dicir o que queiran, pero neste partido o árbitro foi o mellor xogador local non sinalando un penalty de libro sobre Michu no minuto 1, concedendo un gol nunha clarísima falta e perdoándolle a expulsión a máis dun xogador branco e vermello. Obviamente en Madrid ninguén menciona a actuación arbitral e iso é de esperar, pero o lamentable é que en Vigo fagamos o mesmo. Coidado agora coa que nos pode armar no partido de volta Pérez Lasa.

Celta, 0-Real Sociedad, 1.

Enero 26, 2010 on 5:32 pm | In Celta | No Comments

A parcial actuación de Bernabé García foi un obstáculo insalvable para o Celta, que caiu derrotado ante o líder a pesar de ter sido mellor sobre o campo e de gozar con ocasións de abondo como para gañar o partido. Cando estaba a piques de rematar o primeiro tempo, no que os celestes superaran claramente á Real Sociedad e crearan claras ocasións, ao impresentable do pito antollóuselle expulsar a Iago Aspas por dúas xogadas absurdas que demostran como poden decidir estes personaxes os resultados dos partidos segundo lles pete.

A pesar de xogar cun menos e aínda que o seu xogo no segundo tempo xa non foi tan bo, o Celta tamén tivo unhas cantas oportunidades de polo menos empatar o gol que anotaran os txuri-urdinak aproveitando unha cantada de Falcón. De feito Joselu estrelou unha boa cabezada no poste e un defensa sacoulle baixo os paus un remate que xa se cantaba como gol.

A derrota non fai esquecer a melloría que está a experimentar o equipo e nesta ocasión haina que atribuir en grande medida a un novo atropelo arbitral, e xa van uns cantos mentres todos seguen a ter a boca fechada. Aínda que a Real non demostrou neste partido a calidade que o mantén no liderato da categoría, que estes puntos os axuden a acadar o anceiado ascenso. Parabéns a todos os seus afeccionados.

Copa: Villarreal, 0-Celta, 1.

Enero 13, 2010 on 7:11 pm | In Celta | No Comments

O Villarreal, recente invento de novos ricos co eterno e hipócrita cartel de modesto, e todo o seu coro de lambecús recibiron onte á noite unha dura lección de humildade quedando eliminados da Copa a mans do Celta. Non importou que os amarelos apostasen decididamente por gañar o partido xogando con todos os seus titulares mentres que o Celta saía ao campo cheo de suplentes e rapaces do filial. De feito, debutaron no primeiro equipo Mateo e Oriol Riera (Víctor fixérao na ida) e ademáis xogaron dous rapaces que aínda non chegaron a estrearse na segunda división. Enfrente estaban todas as “figuras” dun equipo feito para se clasificar para a Copa de Europa, unha plantilla que presume de ser unha das mellores da primeira división.

Desde o primeiro minuto se puido ver que o Celta ía vender moi cara a súa derrota co descaro co que afrontou o partido, dominando en moitas fases aos locais. Aínda que estes tiveron unhas poucas ocasións que foron chegando grazas á calidade dos seus homes, os célticos chegaron aos últimos intres do partido coas opcións intactas, momento no que chegou o penalty que transformou Trashorras e que levou ao equipo á clasificación para os cuartos de final, quenda na que se medirá co vencedor da eliminatoria entre Huelva e At. Madrid.

No medio da alegría que supón esta pequena fazaña para un equipo tan modesto como o Celta, hai que lamentar o eterno complexo de inferioridade que parece que temos algúns, xa que hai quen fala de que pasamos grazas a un penalty inxusto. En primeiro lugar, se nos apoiamos en imaxes trucadas como as que poñen algúns medios españois, normal que dubidemos da xustiza do penalty, pero fixándonos ben nas repeticións podemos ver como cando Ángel caza a Botelho ao levantar o pe xa está dentro da área. E aínda que a falta non existise, por que non falamos do clarísimo derrubo de Diego López a Iago Aspas minutos antes que debería ter sinalado como penalty e expulsión do porteiro? Diso non interesa falar ou que?

O importante é que os rapaces do Celta seguen a progresar, que por fin semella que podemos ver o futuro inmediato con certo optimismo e que onte volvemos disfrutar dunha bonita noite de fútbol grazas á entrega de todo o equipo. Agora, pasar ou non ás semifinais case se antolla o de menos, pero o que está claro é que uns cantos botarates (De la Morena, Roig, xornalistas de GolTV, Marca, parte da afección do Villarreal, etcétera) levaron un bo disgusto cando os seus millonarios fixeron o ridículo contra un equipiño no que a meirande parte dos xogadores están a empezar nisto. Parabéns a todos!!!!

G.Tarragona, 0-Celta, 2.

Enero 10, 2010 on 8:37 pm | In Celta | No Comments

Triunfo claro e incontestable o conseguido polo Celta onte en Girona, que ademáis lle serve para se distanciar en catro puntos dos postos de descenso e ocupar a decimocuarta praza na clasificación, se ben con moitos equipos moi igualados. Mesmo a diferenza do que soe ser habitual, os celestes dominaron de cabo a rabo ao Gimnàstic de Tarragona e souberon conter ben os seus escasos intentos por acurtar distancias no marcador.

Apoiado nunha liña defensiva moi sólida, cuns espléndidos Hugo Mallo e Roberto, o Celta impuxo desde moi pronto o seu dominio, superando con claridade aos locais e plasmando o dominio con dous goles de Toni e Joselu que chegaron tras senllas faltas lanzadas por un Trashorras que volveu ser o xogador que todos esperamos pero que poucas veces vemos. Como é cada vez máis habitual, Bustos e López Garai fixeron seu o medio do campo e contaron por diante cuns atacantes que derrocharon entrega e acerto, especialmente os dous rapaces, Joselu (será a súa resurrección?) e Toni (que cada vez se afianza máis no equipo).

Nin siquera o apagón parcial na iluminación do estadio tarraconense puido frear ao Celta, que tivo máis perto o terceiro gol que os locais o seu primeiro. A única nota negativa do partido foi a expulsión de Joselu por unha xogada absurda na que a Pino Zamorano se lle foi a cabeza, xa que a acción non pasaba de ser unha simple amoestación e grazas. Estaba claro que este árbitro non pode ter nunca unha actuación redonda, pero para como as soe gastar, case é para estar contentos.

Pasado mañá martes xógase o partido de volta dos oitavos de final da Copa onde o Celta tentará de dar a gran sorpresa e eliminar ao Villarreal. En calquer caso non temos nada que perder porque vamos ao campo dunha das mellores plantillas de Primeira División e a diferenza é moita. O normal sería quedar eliminados, pero soñar é de balde e esperemos que polo menos os nosos vendan cara a súa derrota.

Siguiente página »

Paxina web de Esmorga Zeleste