Celta, 1-R.Huelva, 1.
Marzo 6, 2010 on 10:53 pm | In Celta |Por repetitivo que soe, o Celta obtivo esta tarde un premio escaso para os seus méritos e viu como perto do final escapaban dous puntos que terían suposto bos folgos de cara á loita pola permanencia. O dominio do Celta foi claro e o Huelva foi unha nova mostra da vulgaridade imperante na segunda división, xa que non creou perigo durante os 90 minutos e marcou un gol moi afortunado nunha xogada na que Túñez non saíu facer o fóra de xogo.
A primeira parte foi un monólogo do Celta, con varias chegadas claras entre as que destacou un lanzamento de falta de Trashorras que se estrelou na trave. Nos primeiros minutos da reanudación, tras unha boa oportunidade de Papadopoulos, chegou o noso gol obra de Trashorras, que culminou unha bonita xogada con Cellerino e Dani Abalo. O principal problema foi que non contabamos coa aparición estelar de Hevia Obras, o mesmo ladrón que nos roubou en Cádiz hai uns poucos meses. Ata o 1-0 a súa actuación estaba a ser boa, pero aí decidiu pasar a ser o protagonista e empezou a selo expulsando a Papadopoulos por unha xogada totalmente incomprensible. Non contento, perdooulles varias amoestacións (a segunda a Bouzón e a Jesús Vázquez) e comezou a sinalar faltas a prol do Huelva nas inmediacións da área. E foi precisamente grazas a unha destas faltas moi dubidosas como chegou o gol do empate cando xa estabamos no minuto 85.
Como nota positiva da tarde temos que quedar co dominio do Celta, que superou unha vez máis a un rival pese a non obter premio abondo, pero iso de pouco serve se ao final non se plasma en goles. O negativo foi principalmente o resultado, pero tamén a enésima demostración do pouco que lle importa o clube ao celtismo. Á pobre entrada rexistrada hai que engadirlle a absoluta apatía do público que non abre a boca para protestar cando uns individuos nos están a roubar na nosa propia cara. Ante isto, co pouco que miramos polo noso, cabe plantexarse se realmente merecemos a permanencia .

No Comments yet
Lo siento, el formulario de comentarios está deshabilitado en estos momentos.
Paxina web de Esmorga Zeleste