|
Maraver
|
 |
« : 09 de Julio de 2007, 10:18:15 » |
|
Martha Pérez Pineda, membro da Fronte de Pobos en Defensa da Terra (FPDT), de México, nunha rolda de prensa celebrada celebrada o 27 de xuño en Santiago, denunciou as violacións de dereitos humanos que está a perpetrar o Goberno mexicano contra as comunidades indíxenas e labregas en Atenco, municipio do Estado de México.
A xénese e o nacemento da FPDT habería que situala en 2001, en torno á loita contra a expropiación de terras en Atenco para construír un aeroporto internacional. Martha relatou que se organizaron “para defender as nosas terras cunha loita pacífica, coa forza da palabra e da razón. Logramos vencer e caeu o proxecto do aeroporto, cancelouse o decreto de expropiación e recuperamos as nosas terras”.
Pouco despois, confesa Martha, “comprendemos o significado da globalización e do neoliberalismo ao descubrir que, por tras do proxecto do aeroporto, estaba o Plano Puebla-Panamá, con intereses de multinacionais de Estados Unidos, Canadá e da Unión Europea. Tamén soubemos que non eramos a única comunidade á que se lle quería despoxar das terras. Por iso, decidimos continuar coa defensa da terra por México”.
Asasinatos, violacións, malleiras, porras e gases lacrimóxenos contra as flores
A loita tivo que reiniciarse na primavera de 2006, cando foron expulsad@s os produtores e produtoras de flor de Texcoco, municipio tamén do Estado de México, do mercado onde vendían tradicionalmente.
O motivo non era outro que a demolición do mercado para que, nos seus terreos, a multinacional ianqui Wall-Mart construíse un centro comercial. Desta vez, a loita había tomar un cariz tráxico tras romper o Goberno o seu compromiso de diálogo.
O 3 de maio, houbo tres detidos e asasinaron a un menor de 14 anos ao dispararlle unha granada de gas no peito. O 4 de maio, tomaron Texcoco máis de 3.500 policías que, con extrema violencia, invadiron os fogares rompendo con todo, roubando, e levándose a nenos e anciáns enfermos. Ese día detiveron a máis de 200 persoas. Un axente asasinou a un estudante de vinte anos, Alexis Benhumea, tras dispararlle a queimarroupa un proxectil de gas á cabeza.
Nas detencións, as mulleres habían ser as que levaron a peor parte. No traxecto ao presidio, os policías abusaron sexualmente delas e golpeáronas salvaxemente, incluíndo a anciás de sesenta anos. No cárcere, separáronas e silenciáronas. A nova difundíase grazas a que, entre as detidas, había varias estranxeiras, entre elas dúas catalanas, que foron deportadas e que denunciaron toda a violencia e violacións padecidas ao chegar a territorio español.
“Queremos diálogo e xustiza, non queremos vinganza”
Martha aproveitou a súa estadía en Compostela para explicar que, a día de hoxe, “hai total impunidade a pesares das nosas denuncias. O goberno sentenciou a tres dos nosos compañeiros a 67 anos de cadea, e seguen en prisión 28 agardando por unha sentenza. Aínda non se aclarou o asasinato”. Martha non dubidou en sinalar como responsábeis últimos da violencia ao neoliberalismo e aos intereses de multinacionais de Canadá, Estados Unidos e a Unión Europea; e como executores aos gobernos estatal e federal de México. A activista mexicana aclarou que “queremos diálogo e xustiza, non vinganza. Queremos que se respecte o dereito dos pobos indíxenas á autodeterminación e os seus dereitos sobre as súas terras”.
Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, foi máis alá e pediu ao Goberno Español que sexa coherente e non apoie “a un goberno, como o mexicano, que levou a cabo accións represoras contra a poboación civil como as descritas, e que foron executadas pola súa policía”. Vilalba engadiu que “temos que denunciar que a peor parte desta represión foi contra mulleres, utilizando como instrumento de represalia a violencia sexual; trátase dunha práctica recorrente nas dictaduras, nas que se utiliza a agresión sexual contra mulleres para humillalas e para demostrarlles o poder absoluto das autoridades”.
|